martes, 30 de junio de 2026

Dos azulexos aos esgrafiados ao longo do Camiño Portugués


Mar López Sotelo

Presidenta da Asociación Esgrafiado Galego para o estudo e a divulgación internacional da arte do esgrafiado

•Seguimos as investigacións sobre a evolución comparativa ou posibles influencias que o esgrafiado galego puido recibir das diferentes artes, culturas ou civilizacións que percorreron a Península Ibérica para lograr que sexa unha marca recoñecida internacionalmente. Así, retomamos a ruta portuguesa, centrándonos nas cidades de Porto, Aveiro, Fátima e Lisboa.
En Aveiro, descubrimos os seus azulexos que deixaron unha pegada indeleble e moldearon a contorna urbana ao revestir fachadas con paneis figurativos, placas toponímicas e incluso grandes paneis de identidade. Fátima é o destino doutra ruta de peregrinación independente do Camiño de Santiago, chamada «Camiño a Fátima», onde a aplicación dos azulexos como revestimento é residual.
Desde a Antigüidade, o esgrafiado é unha das técnicas máis recoñecidas de revestimento tradicional en cal, ademais dunha linguaxe artística de gran relevancia. O azulexo aplícase en Portugal como ornamento e protección de fachadas de iglesias, palacios, edificios, estaciones, escaleiras, etc. Pero é durante o reinado de Manuel I (1495-1521), coa introdución dos «azulexos mudéxares» de importación sevillana cando comeza o auxe deste estilo de decoración na cultura lusa. No século XVI, coa chegada da «mayólica» (louza común con esmalte metálico, fabricada antigamente por árabes e españois), cuxa composición permitiu pintar nos paneis renacentistas composicións figurativas sobre un lenzo. No século XVI tamén apareceron novos deseños de azulexos de «patrón ou de tapiz», onde a repetición dun mesmo modelo cerámico provocou un efecto dinámico e xeométrico, evocando os antigos pavimentos medievais (enxaquetado ou damero). Tamén se empregaba o patrón de «corda seca e aresta», e baixo a influencia da cerámica chinesa e do gravado europeo, púxose de moda o «azulexo azul e branco barroco», coñecido como o «ciclo dos mestres», con Antonio de Oliveira Bernardes como referente nunha época de grandes revestimentos de igrexas, coa figura do «horror ao baleiro» ou horror vacui, na que se aplican diferentes técnicas e se busca a simetría. Diferentes materiais, estilos, arte, pero cun fondo común: decorar totalmente as fachadas cun realismo e dinamismo moi patente. Estes elementos tamén se recoñecen nos deseños ornamentais con técnica de «esgrafiado» aplicados nas principais edificacións do rural galego.


Tralo terremoto de Lisboa de 1755, o azulexo «pombalino» (toma o nome do Marqués de Pombal, e presenta deseño antisísmico) adoptouse na reconstrución da capital lusa con módulos máis sobrios e de rápida produción, orientados ao utilitarismo. Durante a industrialización, o Art Nouveau e o século XX, o azulexo afirmouse como soporte de arte pública e converteuse nun revestimento que destaca como unha linguaxe que identifica a Portugal dende hai cinco séculos.
Entre os materiais empregados nas construcións lusas formando un todo cos azulexos están o granito, o estuco traballado, o ferro forxado e fundido, as baldosas cerámicas, os azulexos tradicionais e industriais, a mampostería sinxela de vidro, pedra e cal, e a madeira de carballo e dourada. Tomando como modelo as palabras de Patrimonios de Portugal, pódese afirmar que «o paso ao século XVIII converteu ao azulexo nun medio narrativo monumental: superficies enteiras pasaron a contar historias bíblicas, escenas mitolóxicas e episodios da vida cotiá». Podemos deducir que tal afirmación pode aplicarse á evolución da arte do esgrafiado en Galicia, e vai servir de referente para o seu estudo e divulgación como patrimonio cultural inmaterial pola Asociación Esgrafiado Galego.
Despois desta breve introdución, queremos amosar unha descrición destas obras de arte xunto aos estucos esgrafiados localizados na igrexa de San Nicolás, xoia arquitectónica de estilo barroco e neoclásico situada no centro histórico de Porto. A súa monumental fachada de pedra está flanqueada por columnas e decorada con azulexos. Na parte superior da fachada hai un frontón tallado por unha fornela coa imaxe en pedra calcaria do Santo Patrón. No interior, destaca pola súa nave única decorada con espectacular talla dourada rococó, incluíndo o retablo de San Eloi, patrón dos ourives. Nos retablos, as paredes están decoradas con estuco en relevo con festóns e guilandas sobre fondo amarelo.

Arriba, igrexa de azulexos azuis de San Ildefonso de Porto. Á dereita, interior da Igrexa das Carmelitas de Aveiro.
(Foto: MLS).


Na Casa de Santa Cita – Palacete do Visconde da Granja en Aveiro, encontramos un exemplo de arquitectura residencial neoclásica do século XIX. É un edificio de planta lonxitudinal formado por tres corpos, presentando un conxunto de oito paneis de azulexos rodeados de cenefas xeométricas e florais con destacadas influencias de Art Nouveau sen efecto cromático.
Tamén queremos destacar a Igrexa da Misericordia de Aveiro, un dos primeiros edificios totalmente alicatados, cunha cartela datada en 1867. Os azulexos acentúan as liñas mestras da composición deste pórtico-retablo, cuxo motivo consiste en catro azulexos con estilizados motivos florais e vexetais e instrumentos eucarísticos.
Para rematar, destacamos a Igrexa das Carmelitas de Aveiro, o Convento de San Joao Evangelista, de inicios do século XVII, con paneis de azulexo azul e branco que revisten parcialmente as paredes de toda a igrexa, contrastando co ouro da talla e dando brillo e frescura ao espazo. Segundo o ideal barroco, podemos ver, con gran detalle decorativo, un trampantoxo de porta ornamentada e outro simulando a reixa de clausura das irmás carmelitas. A figura do horror vacui e a búsqueda de simetría percíbense na pintura finxida, na albanelería ou nos azulexos que replican ventás e portas.
Para coñecer máis amplamente a historia do azulexo portugués, pódese acudir ao Museo Nacional do Azulexo en Lisboa, e en Turismo e Museos de Aveiro, nos que xa se pode consultar o libro «Esgrafiado Galego. Un museo al aire libre». Nesta obra, refréndase e recoñécese ao Camiño de Santiago portugués como unha das vías de transmisión e mestura de estilos artísticos realizados por mestres portugueses, como se documenta no panel de O Tameirón, no Concello de A Gudiña. •

Muitíssimo obrigada à Paula Cardoso, da Cámara Municipal de Aveiro, pelas informaçoes fornecidas sobre os azulejos de Aveiro.

Vía EC: https://encomun.es/2026/06/29/dos-azulexos-aos-esgrafiados-ao-longo-do-camino-portugues/

No hay comentarios:

Publicar un comentario