Artículo Unha xoia escondida que volve á luz vía Encomun.es

MAR LÓPEZ SOTELO
Directora e Investigadora Área de Antropología IE. Campus Stellae
•12 de decembro de 2025. Eran preto das tres da tarde cando deixamos a estrada principal e nos diriximos cara a ubicación que nos indicaran. Pese a que as nubes deixaban saír o sol e caldear o ambiente, canto máis subiamos máis se nubraba. Unha fresca brisa cargada de humidade impedíanos ver a estreita e zigzagueante pista que nos levaba ao noso destino. Chegamos a unha poboación con 23-25 habitantes situada a 1.135 metros sobre o nivel do mar, na que puidemos observar, impoñente, o noso novo achado. Á calor da cheminea, Eladio Castro Blanco relatábanos a súa historia de vida: despois de sufrir a emigracióin, volveu á aldea e aos seus 85 anos non quere deixala por nada do mundo. “Só vou a Viana ao médico”, dixo. Nalquel momento, achegouse unha furgoneta ofrecendo porta a porta os seus produtos artesanais: admirable profesión de panadeiro rural.
Javier Quiñoy, arquitecto do Concello de Viana do Bolo, sorpréndenos de novo co achado dun panel arqueolóxico de máis de 200 anos (datación exacta en proceso), sobre o que os responsables da Asociación Esgrafiado Galego realizaron, in situ, as primeiras investigacións.A finalidade máis importante da recén creada Asociación Esgrafiado Gallego e dos seus colaboradores é contribuír a mellorar os procesos de inventario, documentación, investigación, interpretación e presentación do patrimonio arqueolóxico do revestimento esgrafiado en Galicia mediante o uso das novas tecnoloxías, seguindo, entre outras, as directrices dos Principles of Seville (International Principles of Virtual Archaeology) e o legado do gran arquitecto e conservador da Alhambra de Granada, Leopoldo Torres Balbás: “Conservar os edificios tal como nos foron transmitidos, preservalos da ruína, sostelos, consolidalos, sempre cun gran respecto á obra antiga; nunca completalos nen refacer as partes existentes”.
Á espera dos resultados do estudo arquitectónico definitivo por parte de Quiñoy, o Grupo Delux realiza unha observación preliminar e posterior estudo dun revestimento en cal, determinando que se trata dun panel esgrafiado aplicado coa técnica artesanal galega de notable valor artístico e etnográfico. Esta análise permite comprender con maior profundidade os procedementos construtivos e decorativos utilizados na artesanía mural histórica. Rubén López Álvarez, CEO do Grupo Delux , explica a importancia deste traballo: “Con este estudo, buscamos identificar e valorar a mestría artesanal presente nestes esgrafiados (López Sotelo, 2021-2023). Entender como foron realizados permítenos protexer estas técnicas e garantir a súa transmisión”.

Segundo López Álvarez, trátase dun panel esgrafiado con motivos xeométricos, vexetais e zoomorfos. O esgrafiado analizado caracterízase pola presenza de dúas franxas decorativas ben diferenciadas: unha banda superior con motivos xeométricos repetitivos, formada por semicírculos e liñas curvas continuas, executadas mediante o raspado preciso da capa superficial clara, deixando visible o morteiro máis escuro da base; e unha banda inferior con aves e zoomorfos con figuras estilizadas (o que parece unha “serpe ou cempés” de liñas simples) xunto a formas vexetais. O seu estilo directo e simbólico reflicte a estética do esgrafiado galego definido por López Sotelo, vinculado á natureza e ao entorno rural.
O estudo realizado polo Grupo Delux conclúe que se emplearon morteiros tradicionais, probablemente a base de cal, con superposición de dúas capas decorativas (unha inferior máis escura e outra superior clara); hai evidencia de raspado manual, realizado no momento óptimo de fraguado, o que permitiu obter un relevo limpo e un deseño nítido. Así mesmo, confírmase que foi un traballo artesanal, sen maquinaria, característico dos oficios tradicionais, e aínda que presenta desgastes propios do paso do tempo, o esgrafiado mantén a súa estrutura e forma orixinal con suficiente claridade para o seu estudo.
Rubén López Álvarez destaca que “para conservar o patrimonio, primeiro debemos coñecelo. Este tipo de estudos son esenciais para que as técnicas tradicionais non desaparezan e sigan formando parte da nosa identidade cultural”. O Grupo Delux reafirma o seu compromiso como membro da Asociación Esgrafiado Galego para a investigación e promoción de métodos construtivos históricos, contribuíndo así á preservación do patrimonio artístico e arquitectónico.

Dende a Área de Historia e Antropoloxía do Instituto Europeo Campus Stellae fíxose unha primeira reconstrución xeométrica mediante fotogrametría e tomando fotos do panel dende distintos ángulos, cun solapamento dun 60-80% entre imaxes, e coa aplicación de Agisoft Metashape (software moi usado en arqueoloxía, documentación do patrimonio e proxectos de precisión). Deste xeito, identificáronse os puntos comúns entre imaxes, permitindo inferir a xeometría real mediante triangulación, favorecendo a creación de modelos de malla 3D e texturas fotográficas de alta resolución. Así mesmo, a técnica LIDAR (Light Detection and Ranging) permitiu a xeorreferenciación a través da emisión de pulsos láser para calcular as distancias e a xeración dunha nube de puntos para incluír atributos como intensidade, retorno múltiple, ou clasificación. A integración de ambas técnicas permitiu aproveitar o mellor de cada unha; LIDAR aportou precisión xeométrica, e a fotogrametría realismo e textura.
O equipo de investigación, incluído a CEO de Adega Malcavada (que facilitou o transporte de persoal e material) queremos agradecer a colaboración das persoas que están facendo posible estas investigacións e a súa publicación.
Para pechar esta colaboración, todos os que nos dedicamos aos estudos arqueolóxicos e loitamos pola súa preservación recollemos as advertencias para evitar o “vandalismo institucional”, avisos que están a facer profesionais da talla de Teresa Valle, técnica de CROAPAE e IPCE e participante na conservación das pinturas murais de Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) e das pinturas murais e esgrafiados da igrexa de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos), estes últimos localizados, catalogados, investigados e publicados pola Asociación Esgrafiado Galego.
Non podemos esquecer as advertencias que recentemente nos transmitía Mari Paz Pérez Chivite, técnica de Conservación e Restauración do Consorcio da Cidade Monumental de Mérida despois das desafortunadas “restauracións” realizadas nesta cidade, declarada Patrimonio Mundial da UNESCO .
Ante estas evidencias científicas, dende a Asociación Esgrafiado Galego estamos ao servizo da sociedade, contribuíndo a incrementar do coñecemento para mellorar os procesos de investigación do patrimonio arqueolóxico a través das novas tecnoloxías, para que esta riqueza patrimonial se preserve e, tamén, a nosa identidade cultural galega.•
https://encomun.es/2025/12/20/unha-xoia-escondida-que-volve-a-luz/
No hay comentarios:
Publicar un comentario