domingo, 21 de diciembre de 2025

UNHA XOIA ESCONDIDA QUE VOLVE Á LUZ

 Artículo Unha xoia escondida que volve á luz vía Encomun.es

MAR LÓPEZ SOTELO 

Directora e Investigadora Área de Antropología IE. Campus Stellae

•12 de decembro de 2025. Eran preto das tres da tarde cando deixamos a estrada principal e nos diriximos cara a ubicación que nos indicaran. Pese a que as nubes deixaban saír o sol e caldear o ambiente, canto máis subiamos máis se nubraba. Unha fresca brisa cargada de humidade impedíanos ver a estreita e zigzagueante pista que nos levaba ao noso destino. Chegamos a unha poboación con 23-25 habitantes situada a 1.135 metros sobre o nivel do mar, na que puidemos observar, impoñente, o noso novo achado. Á calor da cheminea, Eladio Castro Blanco relatábanos a súa historia de vida: despois de sufrir a emigracióin, volveu á aldea e aos seus 85 anos non quere deixala por nada do mundo. “Só vou a Viana ao médico”, dixo. Nalquel momento, achegouse unha furgoneta ofrecendo porta a porta os seus produtos artesanais: admirable profesión de panadeiro rural.

Javier Quiñoy, arquitecto do Concello de Viana do Bolo, sorpréndenos de novo co achado dun panel arqueolóxico de máis de 200 anos (datación exacta en proceso), sobre o que os responsables da Asociación Esgrafiado Galego realizaron, in situ, as primeiras investigacións.A finalidade máis importante da recén creada Asociación Esgrafiado Gallego e dos seus colaboradores é contribuír a mellorar os procesos de inventario, documentación, investigación, interpretación e presentación do patrimonio arqueolóxico do revestimento esgrafiado en Galicia mediante o uso das novas tecnoloxías, seguindo, entre outras, as directrices dos Principles of Seville (International Principles of Virtual Archaeology) e o legado do gran arquitecto e conservador da Alhambra de Granada, Leopoldo Torres Balbás: “Conservar os edificios tal como nos foron transmitidos, preservalos da ruína, sostelos, consolidalos, sempre cun gran respecto á obra antiga; nunca completalos nen refacer as partes existentes”.

Á espera dos resultados do estudo arquitectónico definitivo por parte de Quiñoy, o Grupo Delux realiza unha observación preliminar e posterior estudo dun revestimento en cal, determinando que se trata dun panel esgrafiado aplicado coa técnica artesanal galega de notable valor artístico e etnográfico. Esta análise permite comprender con maior profundidade os procedementos construtivos e decorativos utilizados na artesanía mural histórica. Rubén López Álvarez, CEO do Grupo Delux , explica a importancia deste traballo: “Con este estudo, buscamos identificar e valorar a mestría artesanal presente nestes esgrafiados (López Sotelo, 2021-2023). Entender como foron realizados permítenos protexer estas técnicas e garantir a súa transmisión”.

Esgrafiado obxecto de estudo por Quiñoy, Grupo Delux e o I.E. Campus Stellae (equipo de investigación Asociación Esgrafiado Galego). (Fotos: MLS). Máis info: https://redribeirasacra.blosgspot.com.

Segundo López Álvarez, trátase dun panel esgrafiado con motivos xeométricos, vexetais e zoomorfos. O esgrafiado analizado caracterízase pola presenza de dúas franxas decorativas ben diferenciadas: unha banda superior con motivos xeométricos repetitivos, formada por semicírculos e liñas curvas continuas, executadas mediante o raspado preciso da capa superficial clara, deixando visible o morteiro máis escuro da base; e unha banda inferior con aves e zoomorfos con figuras estilizadas (o que parece unha “serpe ou cempés” de liñas simples) xunto a formas vexetais. O seu estilo directo e simbólico reflicte a estética do esgrafiado galego definido por López Sotelo, vinculado á natureza e ao entorno rural.

O estudo realizado polo Grupo Delux conclúe que se emplearon morteiros tradicionais, probablemente a base de cal, con superposición de dúas capas decorativas (unha inferior máis escura e outra superior clara); hai evidencia de raspado manual, realizado no momento óptimo de fraguado, o que permitiu obter un relevo limpo e un deseño nítido. Así mesmo, confírmase que foi un traballo artesanal, sen maquinaria, característico dos oficios tradicionais, e aínda que presenta desgastes propios do paso do tempo, o esgrafiado mantén a súa estrutura e forma orixinal con suficiente claridade para o seu estudo.
Rubén López Álvarez destaca que “para conservar o patrimonio, primeiro debemos coñecelo. Este tipo de estudos son esenciais para que as técnicas tradicionais non desaparezan e sigan formando parte da nosa identidade cultural”. O Grupo Delux reafirma o seu compromiso como membro da Asociación Esgrafiado Galego para a investigación e promoción de métodos construtivos históricos, contribuíndo así á preservación do patrimonio artístico e arquitectónico.


Dende a Área de Historia e Antropoloxía do Instituto Europeo Campus Stellae  fíxose unha primeira reconstrución xeométrica mediante fotogrametría e tomando fotos do panel dende distintos ángulos, cun solapamento dun 60-80% entre imaxes, e coa aplicación de Agisoft Metashape (software moi usado en arqueoloxía, documentación do patrimonio e proxectos de precisión). Deste xeito, identificáronse os puntos comúns entre imaxes, permitindo inferir a xeometría real mediante triangulación, favorecendo a creación de modelos de malla 3D e texturas fotográficas de alta resolución. Así mesmo, a técnica LIDAR (Light Detection and Ranging) permitiu a xeorreferenciación a través da emisión de pulsos láser para calcular as distancias e a xeración dunha nube de puntos para incluír atributos como intensidade, retorno múltiple, ou clasificación. A integración de ambas técnicas permitiu aproveitar o mellor de cada unha; LIDAR aportou precisión xeométrica, e a fotogrametría realismo e textura.
O equipo de investigación, incluído a CEO de Adega Malcavada  (que facilitou o transporte de persoal e material) queremos agradecer a colaboración das persoas que están facendo posible estas investigacións e a súa publicación.

Para pechar esta colaboración, todos os que nos dedicamos aos estudos arqueolóxicos e loitamos pola súa preservación recollemos as advertencias para evitar o “vandalismo institucional”, avisos que están a facer profesionais da talla de Teresa Valle, técnica de CROAPAE e IPCE e participante na conservación das pinturas murais de Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) e das pinturas murais e esgrafiados da igrexa de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos), estes últimos localizados, catalogados, investigados e publicados pola Asociación Esgrafiado Galego. 

Non podemos esquecer as advertencias que recentemente nos transmitía Mari Paz Pérez Chivite, técnica de Conservación e Restauración do Consorcio da Cidade Monumental de Mérida  despois das desafortunadas “restauracións” realizadas nesta cidade, declarada Patrimonio Mundial da UNESCO .

Ante estas evidencias científicas, dende a Asociación Esgrafiado Galego estamos ao servizo da sociedade, contribuíndo a incrementar do coñecemento para mellorar os procesos de investigación do patrimonio arqueolóxico a través das novas tecnoloxías, para que esta riqueza patrimonial se preserve e, tamén, a nosa identidade cultural galega.• 

https://encomun.es/2025/12/20/unha-xoia-escondida-que-volve-a-luz/

lunes, 1 de diciembre de 2025

O Esgrafiado Galego na Real Academia Galega de Belas Artes

 

Por Mar López Sotelo.

Directora del Área de Historia y Antropología , Instituto Europeo Campus Stellae.                                                                              Presidenta de la  Asociación Esgrafiado Galego.

Fragmento do discurso de presentación do libro «Esgrafiado galego: un museo ao aire libre» na Real Academia Galega de Belas Artes 


A presentación do libro da investigadora Mar López Sotelo estivo a cargo de Felipe Senén López Gómez, académico da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía e secretario da Real Academia Galega de Belas Artes. (F. cedida: MLS).
  • "Velaiquí o esperado estudo de Mar López Sotelo...Volume no que se nos introduce neste singular fenómeno cultural. A lectura deste traballo será fundamental para determinar o interese de tal proceso ornamental..."Manuel Quintana Martelo. Presidente, Real Galega de Belas Artes
  • É unha honra estar hoxe aquí dando a coñecer as investigacións arqueolóxicas e etnográficas para o estudo e a conseguinte recuperación e posta en valor patrimonial dos Esgrafiados Galegos.
  • Como primeiro referente atopei a Giorgio Vasari, pintor e arquitecto italiano, considerado un dos primeiros historiadores da arte, que fundou a Accademia della Arti del Disegno en Florencia con Miguel Ángel como director. Vasari foi o primeiro en describir a arte do esgrafiado italiano, xa utilizada polo seus coetáneos coma Miguel Ángel, Rafael Sanzio ou Da Vinci, entre outros, pero é a Vasari a quén se lle atribúe o termo "Rexurdimento" e a investigación desta técnica decorativa en Italia. Ista información permitiume comparar os diseños e as técnicas aplicadas nos  revestimentos atopados  coas diferentes escolas coñeidas, léase a italiana, a mudéxar, a catalá, a segoviana e a neomudéxar, para determinar a existencia en Galicia de decoracións que presentan a técnica do esgrafiado, dende o século IX e XII ata o siglo XIX e principios do XX , que é cando esta técnica entrou en decadencia...; O inestimable apoio e recoñecemento do doutor Rafael Ruiz Alonso, estudoso do Esgrafiado Segoviano e académico numerario da Real Academia de Historia e Arte de San Quirce dende 2008, ficou plasmado na introducción do primeiro libro “Esgrafiados en la Ribeira Sacra y el Camino de Santiago. Obras de arte y simbolismo en las paredes”, onde afirma que “á marxe das catalogacións realizadas polo profesor de universidade da Coruña Don José María Ventura Real, na súa obra Cintados de Cal na Galiza. Paredes para ler, a maior parte da noticia que se difunden sobre este particular legado, deveñen do minucioso traballo de investigación que estiven desenvolvendo dende fai anos, o que converte a este libro, culminación de tan laboriosa tarefa, nun feliz acontecemento e nunha inestimable achega que sen dúbida valorarán, non só aqueles que queiran coñecer un aspecto esencial da paisaxe cultural desta terra, senón tamén todos os que defendemos a importancia historia, artística e etnográfica do revestimento esgrafiado”.
  •  De seguido, paso a indicar a cronoloxía deste descubrimento científico: 
  • Teño a honra de presentar aquí, na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, a definición, descrición e enunciado das catro teses sobre o descubrimento dun arte propio de revestir os paramentos no rural galego,  incluídas no segundo libro monográfico: «Esgrafiado Galego. Un museo ao aire libre»
  1. A primeira mostra como a simboloxía do esgrafiado galego ten grandes similitudes coa arte rupestre e a arte esquemática
  2. A segunda  sostén que,  a súa influencia histórica e cultural atopámola na arte románico
  3. A terceira tese confirma que canteiros e pintores foron os artífices destas obras de arte nas paredes. 
  4. A cuarta tese apunta a que o esgrafiado galego conforma un museo ao aire libre cun patrón estético institucionalizado de natureza espontánea ao longo da Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago.
  • No ano 2015, atopamos a primeira fachada con decoracións esgrafiadas, e no 2017 o doutor Ruiz Alonso visita a miña exposición permanente no Museo Etnográfico Liste de Vigo, confirmando a miña primeira hipótese de que se trata da arte do esgrafiado, aínda que o título da exposición non o contemplaba.  
  • Xa en 2018 rexistrei o termo Esgrafiado Galego (nome que lle din á nova escola en Galicia) e acuñeino en todas as miñas publicacións, artigos, mencións e exposicións itinerantes. No mesmo ano o meu traballo de investigación foime solicitado para ser incluído no proxecto de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO.                        
  • En 2021 aparece por primeira vez acuñado o termo «Esgrafiado Galego» na primeira edición do libro "Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas paredes" (que acadou tres edicións nun mesmo ano). 
  • No ano 2022 aparece unha nova publicación, Circular polo Saviñao VI, do Colectivo Egeria, cunha colaboración, «Na procura de Esgrafiados polo Saviñao», onde relato como atopei un zócalo cunha escea de caza ao que, por analoxía, chameino «a Cova de Altamira do Esgrafiado», xa que nos fixo sentir esa emoción que pensamos tería Marcelino Sanz de Sautuola cando viu por primeira vez os espectaculares debuxos dos bisontes en Altamira.                                       
  • En maio de 2022, inclúese o termo «esgrafiado» e o verbo «esgrafiar» no Dicionario da Real Academia Galegaa petición do Instituto Europeo Campus Stellae dende a área de Historia e Antropoloxía, onde veño desenrolando os meus labores de investigación.
  • Por último, en 2023 Teófilo Edicións acepta publicar as investigacións que me levaron a descubrir unha arte propia galega nun volume que teño o orgullo de presentar na sesión de hoxe (17 de setembro de 2024)  en tan ilustre institución....
  • Para min, será toda unha honra que este libro forme parte da súa Biblioteca, porque sei que dende aquí é máis seguro cumprir o  obxectivo de ir " facendo camiño aínda que sexa paseniño, e ir deixando as nosas pegadas para quen as poida seguir"; así como cumplir o soño de que «non omnis moriar» («non todo o que son desaparecerá»),  lema desta Real Academia de Belas Artes
  • Este é un gran paso no camiño cara á excelencia da arte do Esgrafiado en Galicia, e o seguinte será iniciar neste ano o doutoramento sobre a Investigación Antropolóxica do Esgrafiado Galego, coa esperanza de lograr, igual que fixeron os meus principais referentes, Vasari co Esgrafiado Italiano e Ruiz Alonso co Segoviano, o recoñecemento e protección que se merece este arte galego.